2 de ABRIL, DÍA DA CONCIENCIACIÓN DO AUTISMO

      O 18 de decembro de 2007, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas estableceu o 2 de abril como Día Mundial da Concienciación do Autismo instando ós Estados Membros, ás organizacións competentes do sistema das Nacións Unidas e outras organizacións internacionais, así como á sociedade civil, incluídas as organizacións non gubernamentais e ó sector privado, a que observen debidamente este día e tomen as medidas para a toma de conciencia a través da sociedade sobre as persoas con autismo.

      Desde entón, o movemento asociativo do autismo de todo o mundo celebra o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo co obxecto de concienciar á sociedade sobre este tipo de trastorno e promover a inclusión social das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA).

     Este ano 2107 o tema elixido é “Rompamos xuntos barreiras polo autismo. Fagamos unha sociedade accesible”

     O termo Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) fai referencia a un conxunto amplo de condicións que afectan ó neurodesenvolvemento e ó funcionamento cerebral, dando lugar a dificultades na comunicación e interacción social, así como na flexibilidade do pensamento e da conduta. Acompaña á persoa ó longo de toda a súa vida, aínda que as súas manifestacións e necesidades cambian en función das distintas etapas do desenvolvemento e preséntase de maneira distinta en cada caso. Por iso as necesidades individuais son moi heteroxéneas.

       Actualmente, ó redor de 1 de cada 150 persoas nadas na Unión Europea reciben un diagnóstico de TEA.

        No noso país miles de nenos e adultos con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) experimentan situacións de discriminación e vulneración dos seus dereitos fundamentais. A miúdo, estes derivan da falta de medidas lexislativas, apoios ou servizos especializados que respondan ás súas necesidades específicas e faciliten oportunidades de desenvolvemento e de goce dunha calidade de vida óptima.

     Tamén se producen e acentúan polo escaso coñecemento e concienciación social que existe sobre as persoas con TEA e as súas capacidades. Estas situacións de descoñecemento, así como os prexuízos e mitos que aínda se manteñen sobre este tipo de trastornos, fan que a miúdo a persoa con TEA se enfronte a unha sociedade que non o comprende nin lle facilita a súa inclusión, e que non respecta os seus dereitos como cidadán. As persoas con autismo enfróntanse a numerosas barreiras á hora de gozar dos seus dereitos fundamentais e de formar parte plenamente da comunidade.

     As barreiras ás que se enfrontan varían en función de cada individuo e das súas necesidades específicas. É moi importante que a sociedade entenda cales son esas barreiras porque iso permitirá unha mellor adaptación ás súas necesidades e reforzará a inclusión destas persoas en todos os ámbitos da sociedade.

   O labor de concienciación non é só das familias, as persoas con TEA ou os profesionais. Consideramos que para avanzar neste sentido resulta fundamental a concienciación social, empresarial e política de maneira que todos estes axentes poidan contribuír a que se desenvolvan as medidas necesarias para garantir a igualdade de oportunidades e o exercicio efectivo dos dereitos das persoas con TEA.
Documentación e imaxes obtidas da web http://diamundialautismo.com/

No hay comentarios: